domingo, 16 de abril de 2023

TEMPO PASCUAL

 


Anunciamos con alegría que Xesús resucitou. Seguimos camiño... e descubrimos o GRAN TESOURO da SEMANA SANTA! 

CRISTO RESUCITOU! VIVE! 

No evanxeo destes próximos oito domingos vánnolo anunciar diferentes persoas, dende María Magdalena ata os discípulos de Emaús. 

Cada domingo, seguiremos descubrindo unha chamada especial a non gardarnos este gran  tesouro que é Cristo. Vivamos intensamente esta cincuentena e preparémonos para que Pentecoste sexa a renovación do noso bautismo e confirmación como persoas e comunidades. 

domingo, 9 de abril de 2023

DOMINGO DE RESURRECCIÓN


A resurrección de Xesús non é solo unha celebración litúrxica. É a manifestación do amor poderoso de Deus, que nos salva da morte e do pecado. Para iso temos que tomar conciencia de que a nosa vida está habitada por un Misterio acolledor que Xesús chama « ABBA, Pai». Aínda que a veces non nos sexa doado experimentalo, a nosa existencia está sostida e dirixida por Deus cara unha plenitude final. 
A morte  non ten a última palabra, senón Deus. Hai tanta morte inxusta, tanta enfermidade, tanta vida sen sentido, que poderíamos afundirnos na desesperanza. A resurrección de Xesús lémbranos que Deus existe e salva. El faranos coñecer a vida plena que aquí non coñecemos. 
Celebrala resurrección de Xesús é abrirnos a enerxía vivificadora de Deus. O verdadeiro inimigo da vida non é o sufrimento, senón a tristura. Nos tempos que vivimos fáltanos paixón pola vida e compaixón polos que sofren e sóbranos apatía e hedonismo barato que nos fan vivir sen desfrutar o mellor da nosa existencia: o Amor. A resurrección ten quer ser a fonte e o estímulo dunha Vida Nova.
 

                                Surrexit Christus Alelluia!

sábado, 8 de abril de 2023

SÁBADO SANTO

O Sábado Santo non é un día de grandes actos, nin festexos, nin ruídos. O Señor morreu, e repousa no sepulcro. É o momento de pararnos e de contemplala morte de Xesús, é o día do silencio, da espera por excelencia. Nesta xornada unímonos a toda a Igrexa no rezo da Liturxia das Horas, a espera da Pascua do Señor.  

Esperar xunto ao sepulcro de Xesús é un signo de confianza en Deus, que todo o pode, incluso resucitar de entre os mortos para dárnola vida. Nesta espera estamos acompañados pola Nai de Xesús. Compartimos a súa  soidade esperanzada, que nos anima a confiar contra toda desesperanza, en que as verbas de Xesús en de xamais  defraudan: «Ao terceiro día, resucitarei». 

Non celebrámola Eucaristía ata a solemne Vixilia Pascual xa, como parte das celebracións do Domingo de Resurrección -a festa das festas-. Chegamos a culminación do Triduo Pascual e de tódalas celebracións cristiás, que será o triunfo de Cristo sobre o pecado.

 

viernes, 7 de abril de 2023

VENRES SANTO


Venres Santo, a Paixón e Morte do Señor. Toda a Igrexa  mira con amor, con agradecemento e con profundo sentimento de adoración, a Cruz do Señor. Todo se acadou, o amor de Deus chegou ata o extremo máis insospeitado e o pecado e a morte foron vencidos no trono do amor que é a Cruz de Cristo. Toda dor, todo sufrimento, todo pecado está asumido na Cruz por Xesús. Facendo súa as nosas debilidades, para soterralo todo no abismo inmenso do seu amor e dende alí resucitarnos a unha vida nova. O que comeza nun horto, Getsemaní, conclúe noutro, o do sepulcro, anunciando unha vida nova que xurde e nace para nós. 
Xesús é o noso sosego e esperanza. Mirándoo a El, a nosa vida flúe e a nosa fe fortalécese aínda no medio dos problemas e as dificultades.

jueves, 6 de abril de 2023

XOVES SANTO



A celebración  do Xoves Santo é o comezo na Igrexa da celebración para a que nos estivemos preparando no tempo  da Coresma. O Triduo Pascual invítanos a adentrarnos directamente no máis fondo do Misterio de Cristo; a contemplalo en profundidade, a deixarnos atrapar pola forza dun Amor que supera o tempo e chega a nosa realidade máis íntima. Na Mesa do Cenáculo temos un sitio reservado para acoller os diferentes matices da entrega de Xesús que nos chegan polo amor fraterno, a Eucaristía e o legado sacerdotal. O Xoves Santo é un desafío. Como o foi o lavado, o pan e o viño, para os discípulos. Gardaron silencio. Costoulle entendelo. Pero mantiveron e transmitiron a memoria daquela tarde como “o tesouro da Igrexa”. 

O Xoves Santo fainos axeonllar para contemplar e acoller o Misterio. Pero, á vez, envíanos ao servicio do irmán.  O xesto de Xesús e as súas palabras lévannos aos camiños do mundo para imitar a Quen nos ensinou a facer da vida un servicio de amor. O pan pártese e dáse: sería inútil gardalo cando hai tanta fame. Os pes tócanse e lávanse para que sigan o camiño: non se xulgan, nin se analizan, nin se contemplan. 

Este día é unha chamada a entrega feita dende o amor auténtico e liberador; que  fai rompernos, agacharnos e servir para prolongala Pascua de Xesús.

 

domingo, 2 de abril de 2023

DOMINGO DE RAMOS

 


Coa celebración do domingo de Ramos comezamos a Semana Santa. Hoxe comeza a gran semana litúrxica que nos leva cara a Pascua, a morte e resurrección do Señor, centro da nosa fe. 

Neste domingo, a Igrexa conmemora a entrada de Xesús en Xerusalén para dar cumprimento ao seu misterio pascual. Celebramos con ledicia e  proclamamos  “quen ven no nome do Señor”, presaxio do triunfo real de Cristo; e a dor pola súa morte inminente na cruz, que nos anticipa a lectura da Paixón, anuncio de que a salvación terá lugar a través do misterio da súa morte e resurrección. Co seu exemplo, o Señor ensínanos, que vivir a fe é antepoñer a vontade do Pai á nosa. E confiar a nosa vida nas súas mans. 

Que esta Semana Santa que hoxe comezamos sexa unha profunda experiencia de renovación de nosa fe.