viernes, 22 de abril de 2022

TEMPO DE PASCUA!

 


Neste tempo pascual celebrámola VIDA con maiúsculas. Marcados pola Resurrección do Señor temos que contaxiar a esperanza que ven da Resurrección. 

Nós, os cristiáns, cremos e sabemos que a Resurrección de Cristo é a verdadeira esperanza do mundo, aquela que non defrauda. É a forza do gran de trigo, do amor que se humilla e se dá ata o final, e que renova realmente ao mundo. Tamén hoxe esta forza dá froito na nosa historia, marcada por tantas inxustizas e violencias. Trae froitos de esperanza e dignidade onde hai miseria e exclusión, onde hai fame e falta de traballo, onde cada día temos vítimas da trata de persoas e das distintas formas de escravitude… 

As marcas da paixón nas mans, nos pes e nas costas de Xesús quedaron como a marca perpetua dun amor infinito por cada un de nós, por unha entrega que dá vida. Así, Cristo resucitado é a nosa esperanza, a verdadeira esperanza do mundo, a que nos move a camiñar cada día. ¡Déixate  marcar pola esperanza! 


domingo, 17 de abril de 2022

DOMINGO DE RESURRECCIÓN

 


Por que buscades entre os mortos ao que está vivo? Esta noite contemplamos e celebramos a plenitude da vida. Agora temos a certeza de que a morte non venceu, gañou a VIDA, a esperanza. Coa Resurrección de Xesús é cando acada sentido toda a nosa fe. Cando celebramos a Resurrección de Cristo estamos celebrando tamén a nosa propia liberación. Celebrámola derrota do pecado e da morte. Na Resurrección atopámola clave da esperanza cristiá: se Xesús está vivo e está ao noso carón, que podemos temer?, que nos pode preocupar? 

A Resurrección é fonte de profunda ledicia. A partir dela, os cristiáns non podemos vivir máis con caras tristes. Debemos ter cara de resucitados, amosar ao mundo a nosa alegría porque Xesús venceu a morte. A Resurrección é luz para os homes e cada cristián debe irradiar esa mesma luz a tódolos homes, facéndonos partícipes da alegría da Resurrección por medio das súas palabras, a súa testemuña o seu  traballo apostólico. Debemos estar verdadeiramente ledos pola Resurrección de Xesucristo, o noso Señor. Neste tempo de Pascua que comeza, debemos aproveitar tódalas gracias que Deus nos da para crecer na nosa fe e ser mellores cristiáns. Vivamos con profundidade este tempo. 

FELIZ PASCUA!!


sábado, 16 de abril de 2022

SÁBADO SANTO


O Sábado Santo é un día de silencio e de espera. Un gran silencio envolve a terra. Xesús morreu. Parece que neste día Deus calou, pero... aínda non  dixo a última palabra. 

Os discípulos de Xesús permanecen xunto ao sepulcro do Señor, meditando a paixón e morte. Tódalas súas esperanzas derrubáronse. O seu mestre foi cravado nunha cruz coma un axitador do pobo. María a súa nai, tamén garda silencio na súa dor. 

É un día para contemplar, para contemplar en silencio e preto de María. María é a muller do silencio, da espera, da escoita, da búsqueda... 

É un día para que nos sintamos máis preto dos que están sos, dos ausentes, dos desamparados, dos que necesitan unha palabra ou un xesto de ánimo, de esperanza. 

E despois deste día de silencio e oración con María só nos queda acudir á Vixilia Pascual, que é a celebración que recolle todo o que existe e envólveo no Amod e Deus. É recoñecer que todo o que existe ten un sentido en Deus, todo está sostido polo seu Amor. Todo comeza.

 


 

viernes, 15 de abril de 2022

VENRES SANTO

 


Hoxe, Venres Santo, vemos que Deus non nos evita o sufrimento, pero El mesmo acompáñanos. Este Deus fainos mirar ao sufrimento, ao abandono e ao desamparo das vítimas das inxustizas e das desgracias. Xesús non escapa, afronta o mal e a dor confiando nun amor maior que o sostén.  

Os cristiáns seguimos dando moitas voltas para non toparnos con «Deus crucificado». Aprendemos, incluso, a levantar a nosa mirada cara a Cruz do Señor, desviándoa dos crucificados que están ante nós. Sen embargo, "a maneira máis auténtica de celebrar a PAIXÓN do Señor é reavivar a nosa  COMPAIXÓN. Que a nosa loanza  ao Crucificado nos poña sempre mirando cara os que viven sufrindo.” (J.A.Pagola) 

Acollamos hoxe a súa proposta de non esperar máis para mirar a nosa cruz, o noso mal, a nosa dor. 


jueves, 14 de abril de 2022

XOVES SANTO


No día de hoxe, Xoves Santo, lembramos a Última Cea de Xesús cos seus apóstolos, na que lles lavou os pés dándonos un exemplo de servicio. Na Última Cea, Xesús quedou con nós no pan e no viño, deixounos o  seu Corpo e a  súa Sangue. 

Cun xesto tan sinxelo como lavalos pés, Xesús rompe esquemas, cruza fronteiras internas e amosa aos seus discípulos outra forma de ser e vivir. Un xesto de gran profundidade que permite entendelo modo de proceder de Xesús, ese que nin os discípulos comprenderon. Lavalos pes é a oportunidade para entrar nun novo espacio no que construír relacións distintas, sas, auténticas. Todos estamos invitados no día de hoxe a ser aquelas persoas que saben ver e buscalo amor e o servicio nas cousas más cotiás da vida, que non miran cando o outro fixo por última vez o que hoxe fago eu; que simplemente aman e serven sempre. 

 

domingo, 10 de abril de 2022

DOMINGO DE RAMOS

 


O Domingo de Ramos, día no que Xesús ENTRA a cidade de Xerusalén (onde vivirá os momentos máis importantes da súa vida e nos amosará o seu inmenso amor por nós). É recibido por unha multitude que o aclama coma o Mesías. No día de hoxe Xesús convócanos para recibilo con ledicia, coma esa persoa que enche de gozo, de calma, de paz, de luz e amor… Xesús quere entrar no noso corazón, quere vivir cada momento ao noso carón, quere amosarnos o seu amor infinito...  Neste día preparámonos para dicirlle que o queremos nas nosas vidas, porque sabemos que, en El, está o camiño de amor e salvación, de protección absoluta, que nestes tempos, nos que nos atopamos como humanidade con especial necesidade, faise presente.

miércoles, 6 de abril de 2022

5ª SEMANA DE CORESMA

 


Nesta semana, Xesús fainos unha chamada para que cada un de nós examine a súa conciencia, paraa que nos demos conta de que todos temos necesidade de conversión, incluso os que se cren perfectos e os que pensan que todo o fan ben, os que condenan e sinalan os defectos e erros dos demais. Por outro lado temos a oportunidade de darlle grazas, de sentir dentro de nós o seu perdón e a súa alegría, porque El fai o mesmo por cada un de nós. Porque a súa mirada fíxase antes na túa bontade que nos teus erros. Porque El ten AMOR para cada un de nós. Como di San Paulo sobre o AMOR: "O amor é de corazón grande, é servicial. O amor non ten envexa, non ten fachenda, non se ensoberbece; non é malcriado, non bursca a súa comenencia. (...) Desculpa sempre, fíase sempre, espera sempre, atura sempre". (1 Corintos 13:4-7) Ese amor que permanece SEMPRE.


domingo, 3 de abril de 2022

4ª SEMANA CORESMA



Fai unhas catro semanas que comezamos a Coresma, o tempo que nos prepara e axuda para vivila Pascua. Para poder vivir esta festa, tan importante para nós, non podemos ter o noso corazón rachado e desfebrado; temos que chegar cun corazón emendado e cheo de vida. Nada lle dá vida ás persoas como sentirse queridas e amadas. Por iso nesta semana invítasenos a que deixemos entrar a Deus no noso corazón para que cure as nosas tristezas, feridas, cansazos… para elo temos que facer coma o fillo pródigo, reflexionar e darnos conta que, ao carón de Deus, podemos ser máis felices e vivir con máis dignidade e ledicia. O camiño do perdón é un camiño de volta e no fin dese camiño atopamos sempre uns brazos estendidos esperando a nosa chegada.