viernes, 6 de enero de 2023

EPIFANÍA DO SEÑOR

Epifanía significa manifestación. Amósase desa maneira a fermosa realidade de Deus que ven para todos: tódalas nacións, linguas e pobos son acollidos e amados por El. O seu símbolo é a luz, que chega a todas as partes e as ilumina. Os tres Sabios de oriente que viron a Luz foi, porque tiñan a capacidade de estar abertos e saber distinguir os signos dos tempos, escoitaron a voz do ceo e o seu propio corazón: a chamada de Deus. 

Cando a estrela se parou ante a casa pobre, non se escandalizaron e recoñecérono coma o Mesías; porque Deus vístese da sinxeleza e solo se manifesta aos humildes e aos pequenos. 

Trala Adoración foi tal a luz e a ledicia que recibiron, que eles mesmos convertéronse en estrelas. E por onde queira que ían daban testemuña do que viron e oíran. Foron luz da  esperanza, do amor e da ledicia para os famentos da luz e de Deus. 

Nós estamos invitados a imitar aos Sabios a levantala vista e a descubrir como, ante esta LUZ, o noso corazón  engrandécese. Coma os Sabios, sintamos ese agradecemento de ser chamados a formar parte da Igrexa. Desta Igrexa que ten que proclamar que non hai escuridade, que hai luz; que hai verdade; que tódolos homes non son inimigos uns dos outros, senón que son irmáns. Esta Igrexa que ten, en medio deste mundo necesitado de luz, que invitarnos a reconciliación, a construíla paz, a marcar camiños; camiños de encontro, camiños de comunión entre os homes, camiños de misión. Nós, a Igrexa, temos  que regalar,  promover, e manifestar a luz de Xesucristo.