Por que buscades entre os mortos ao
que está vivo? Esta noite contemplamos e celebramos a plenitude da vida. Agora
temos a certeza de que a morte non venceu, gañou a VIDA, a esperanza. Coa
Resurrección de Xesús é cando acada sentido toda a nosa fe. Cando celebramos a
Resurrección de Cristo estamos celebrando tamén a nosa propia liberación.
Celebrámola derrota do pecado e da morte. Na Resurrección atopámola clave da
esperanza cristiá: se Xesús está vivo e está ao noso carón, que podemos
temer?, que nos pode preocupar?
A Resurrección é fonte de profunda
ledicia. A partir dela, os cristiáns non podemos vivir máis con caras tristes.
Debemos ter cara de resucitados, amosar ao mundo a nosa alegría porque Xesús
venceu a morte. A Resurrección é luz para os homes e cada cristián debe
irradiar esa mesma luz a tódolos homes, facéndonos partícipes da alegría da
Resurrección por medio das súas palabras, a súa testemuña o seu traballo apostólico. Debemos estar
verdadeiramente ledos pola Resurrección de Xesucristo, o noso Señor. Neste
tempo de Pascua que comeza, debemos aproveitar tódalas gracias que Deus nos da
para crecer na nosa fe e ser mellores cristiáns. Vivamos con profundidade este
tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario