domingo, 19 de marzo de 2023

CUARTO DOMINGO DE CORESMA

 


Neste domingo, cuarto de Coresma, a luz é o símbolo que nos invita a conversión para vivila Pascua con Cristo; este tempo bríndanos a oportunidade para quitarnos esa “cegueira” que produce en nós a  prepotencia e o orgullo. Por iso queremos coma o cego que cure as nosas “cegueiras” e  nos axude a descubrilo vivindo o cotiá, a non competir, nin buscar xustificacións para condenar e tela razón. Que a súa LUZ nos ilumine a todos e nos axude a saír das nosas “cegueiras”. 

BOCADILLO SOLIDARIO


O pasado xoves, coma todos los anos e coincidindo co tempo de Coresma, celebramos no colexio o día do "Bocadillo Solidario". Unha actividade que ten coma obxectivo colaborar coa campaña de Mans Unidas. Ao longo da semana traballamos sobre a importancia da nosa colaboración e axuda cos que  menos teñen. 

Foi unha xornada de convivencia na que alumnos e profesores fixemos un "picnic" nun entorno incomparable, o Dolmen de Axeitos.

Gracias a todos pola vosa colaboración!!

TERCEIRO DOMINGO DE CORESMA



Neste terceiro domingo de Coresma Xesús invítanos a atoparnos con Deus, pero dinos que Deus está en diferentes lugares, non só nas igrexas ou lugares santos; senón que desde calquera lugar as persoas podemos elevar o noso corazón a Deus. Xa que el non é indiferente aos nosos sufrimentos e problemas. Temos que saber e ter presente que Deus nos acompaña ao longo das nosas vidas, que sempre esta aberto e disposto a escoitarnos e a acollernos, por moi errantes que andemos ou vivamos. Que o encontro con el sexa “auga viva” que calma a nosa sede de paz, de esperanza e de amor e nos faga vivir con amor, perdón e tenrura. 

PRIMEIRO E SEGUNDO DOMINGO DE CORESMA



Nos dous primeiros domingos de Coresma, invitóusenos a escoitar o grito de alerta ante os graves erros nos que podemos caer ao longo da nosa vida. Os erros que cometemos  buscando o refuxio cómodo que nos permita vivir sen sobresaltos nin preocupacións excesivas, renunciando a calquera outra aspiración, deixándonos vacíos e insatisfeitos. 

Xesús ofrécenos a posibilidade de ser cada día más humanos. Invítanos a saír do noso conformismo, a romper cun estilo de vida egoísta no que estamos, tal vez confortablemente instalados, e a empezar a vivir máis atentos a  interpelación que nos chega dende os máis desvalidos de nosa sociedade. 

miércoles, 1 de marzo de 2023

MÉRCORES DE CINZA

O Mércores de Cinza marca o inicio dun novo tempo litúrxico, a Coresma, que son os 40 días antes do Domingo de Ramos, día do comezo da Semana Santa. A comunidade cristiá está chamada a pararse, a poñer atención ao seu redor e buscar e darlle importancia ao SER e non ao TER, ao AMAR e non ao POSUIR.  

No colexio celebrámolo cunha sinxela celebración cargada de simbolismo, onde lle pedimos a Xesús que sexamos sensibles ante as dificultades dos demais e que nos axude a buscar sempre a luz e a ser luz para quen nos rodea. 

O Mércores de Cinza caracterízase ademais polo rito da imposición da cinza na fronte, facendo a sinal da cruz, mentres se di a seguinte frase extraída da Biblia: «Convértete e cre no Evanxeo». A imposición da cinza é símbolo –sobre todo- de abrirse a misericordia e o perdón de Deus, porque seguindo o camiño que Xesús nos propón, seremos máis felices e poderemos facer máis felices aos demais. 



miércoles, 22 de febrero de 2023

MÉRCORES DE CINZA

A celebración do Mércores de Cinza invítanos  a unha profunda revisión da nosa vida, das nosas actitudes e criterios de comportamento; a iniciar un serio proceso de conversión e de purificación. A imposición das cinzas lémbranos que a nosa vida na terra é pasaxeira e que a nosa  vida definitiva atópase no  Ceo. 

A Coresma comeza co Mércores de Cinza: é tempo de oración, penitencia e xaxún. Corenta días que a Igrexa marca para a conversión do corazón. Sinónimo de "conversión" é así mesmo a palabra "penitencia"... Penitencia como cambio de mentalidade. Penitencia como expresión de libre e positivo esforzo no seguimento de Cristo. 

Coresma é un tempo de gracia que Deus nos concede coma un regalo.


                            

lunes, 6 de febrero de 2023

CELEBRACIÓN DÍA DA PAZ E NON VIOLENCIA

Este pasado luns celebrámolo Día Escolar da Paz e a Non Violencia, porque a PAZ non é cousa dun día, nin dun acto ou actividade especial, senón que empeza por un mesmo e nos fai felices a todos. 

Este curso o valor que estamos a traballar é a Paz, polo que levamos dende setembro traballando e reflexionando con actividades para fomentar a igualdade, a cooperación, os dereitos humanos e a importancia da resolución dos conflitos. Algo que aínda que se traballe diariamente na aula, quérese enfatizar máis nestes días previos a dita data.  

Comezabamos o noso acto cun manifesto que os alumnos de 4º de ESO nos  leron a toda a Comunidade Educativa. O lema deste ano foi «a Mochila de la Paz». Partimos de que o noso colexio é  un espacio de paz porque levámolas mochilas cargadas de...   actitudes ou valores que debemos ter para crear un clima de convivencia positivo e sobre todo, facer un bo uso de eles. Esta canción representouse  nun mural no patio no que cada clase de Infantil e Primaria pegaba un obxecto escolar e o seu compromiso correspondente. Así mesmo os alumnos da Eso aportaron o seu gran de área freando a violencia e as conductas de intolerancia ,cambiándoas por actitudes de esperanza e ilusión. Fíxose entrega dos diplomas aos gañadores de Primaria e Eso da Liga de Paz, rematamos o acto formando entre todos a palabra Paz. 

 Lembrando que a paz de todos non é posible senón nos queremos e nos sentimos ben con nós mesmos, e así teremos ese sorriso co que empeza a paz. 

 Gracias a todos por facelo posible.