Vivir o Nadal dende o pequeno, o sinxelo, o que pasa desapercibido pero deixa pegada. Esa aperta que non precisa palabras, o sorriso dos teus fillos cando cruzas a porta, o "chama cando chegues". Unha cunca de café compartida cun amigo, a man que se tende sen esperar nada a cambio, camiñar polo campo.
Este é o blog do departamento de Pastoral do CPR La Milagrosa de Oleiros, onde iremos subindo todas as novidades do noso cole relacionadas con esta labor vicenciana.
miércoles, 25 de diciembre de 2024
NACEU DEUS, QUE SE FIXO PEQUENO PARA SER A LUZ QUE GUÍA O MUNDO
EUCARISTÍA DO NADAL
A Eucaristía de Nadal celebrada pola nosa Comunidade Educativa foi un fermoso momento para despedir o trimestre. Nun ambiente de acollida e sinxeleza, convidáronnos a vivir o Nadal dende o corazón, con esperanza e espírito de servizo. Durante a celebración lembráronnos a importancia de levar a mensaxe de amor e paz de Xesús ao noso día a día, especialmente nun mundo que tanto o necesita. Nestas datas tan especiais queremos dar as grazas a todos os alumnos e ás familias pola súa inestimable colaboración na Operación Quilo. O obxectivo desta iniciativa é transmitir aos nosos alumnos o valor da Solidariedade, axudando a familias que necesitan deste xesto.
domingo, 22 de diciembre de 2024
IV DOMINGO DE ADVENTO
Este último domingo de Advento enfócase na proximidade do nacemento de Xesús. Neste día, lémbrase o encontro entre María, a nai de Xesús, e Isabel, a súa prima. Este é o primeiro xesto de María despois de acoller con fe a misión de ser nai do Salvador. Poñerse en camiño e marchar apresa xunto a outra muller que necesita neses momentos a súa axuda. Este é un dos trazos máis característicos do amor cristián: acudir xunto a quen pode estar a necesitar a nosa presenza, porque María ensínanos neste domingo para acompañar a vivir con quen o necesite.
viernes, 20 de diciembre de 2024
ORATORIO
Por segundo ano ao longo deste trimestre, os alumnos de 6º de infantil e primeiro ciclo de Ed. Primaria tiveron o seu encontro no Oratorio. É unha actividade que forma parte da educación integral dos nenos no noso centro.
Nel os alumnos achéganse a Palabra de Deus, fomentando unha maior capacidade de escoita e reflexión. Este espazo de oración bríndalles a oportunidade de comezar a desenvolver unha relación profunda coa súa fe nun ambiente de recollemento e serenidade. A experiencia do oratorio ofrece múltiples beneficios para os alumnos. Non só reforza a súa capacidade de escoita e atención, senón que tamén lles ensina a valorar o silencio e o recollemento.
A través da escoita da Palabra, os nenos desenvolven un maior coñecemento da Biblia e comezan a cultivar actitudes de agradecemento e oración, esenciais para o seu crecemento persoal e espiritual. Ademais foméntase a aprendizaxe a través da interioridade. Cremos que estes momentos de encontro con Deus proporciónanlles aos nosos alumnos unha base sólida de interioridade e fe, que lles acompañarán ao longo da súa vida.
lunes, 16 de diciembre de 2024
III DOMINGO DE ADVENTO
O Terceiro Domingo de Advento é o domingo da alegría (ou «Domingo Gaudete») porque está próximo o Señor. Diso fálanos Juan Bautista anunciando no deserto, ante a multitude, que está a piques de chegar o Señor, e convídanos a preparar o corazón para acoller a Deus, facendo obras que dean bo froito. Pídenos cambiar, renovarnos...por iso nos grita Convértete!!
lunes, 9 de diciembre de 2024
II DOMINGO DE ADVENTO
Neste segundo domingo de Advento é María, que sobe ao noso autobús, que nos ensina a ter unha escoita atenta á proposta de Deus. Ela acolle as súas palabras, a súa disposición para ser a Nai de Deus é un exemplo de total confianza e entrega. María é símbolo da espera activa e confiada na vinda do Salvador, e a súa figura inspira aos fieis para vivir con maior intensidade este tempo.
lunes, 2 de diciembre de 2024
I DOMINGO DE ADVENTO
Onte comezamos o tempo do Advento, tempo que dá inicio a un novo ano litúrxico. Neste advento, cada domingo chegará este autobús morado, que é a nosa igrexa que está a buscar con ESPERANZA a XESÚS. Somos como di o xubileo "Peregrinos da Esperanza" camiño de Belén. Cada domingo asomarase á xanela do noso autobús un personaxe do Evanxeo que nos dirá unha palabra chave para atopar a Xesús. Neste primeiro domingo sóbense ao autobús os profetas que nos piden espertar, estar atentos, denuncian a nosa preguiza e dinnos ESPABILA!
domingo, 1 de diciembre de 2024
FESTAS DA FAMILIA VICENCIANA
Os días 27, 28 e 29 de novembro a nosa Comunidade Educativa celebrou as Festas da Familia Vicenciana. Todas elas teñen o seu fundamento nas aparicións da Virxe María a Santa Catalina Labouré en 1830, na Rue du Bac, París. Dende aquel momento a Medalla Milagrosa, coa imaxe da Virxe rodeada da frase: "Oh María, sen pecado concibida, roga por nós que recorremos a ti", converteuse nun emblema de esperanza e fe. Para as Fillas da Caridade, esta devoción non só representa un acto de veneración, senón que tamén reflicte a súa misión de servizo e amor cara aos máis necesitados. A Virxe Milagrosa é o modelo de humildade e entrega, cualidades que as Fillas da Caridade levan a cabo na súa vida diaria a través do seu traballo en hospitais, escolas e orfanatos. As Fillas da Caridade esfórzanse por ser un reflexo do amor maternal da Virxe, brindando apoio e consolo a quen máis o necesitan.
Nas distintas celebración realizadas polos alumnos pedímoslle que o seu legado de fe e servizo continúe inspirando as novas xeracións a vivir con amor e dedicación, lembrando que, do mesmo xeito que a Virxe, todos estamos chamados a ser instrumentos de paz e esperanza no mundo.